Un coche e unha proba de ADN para dar co presunto homicida de Elisa Abruñedo
Un coche e unha proba de ADN para dar co presunto homicida de Elisa Abruñedo
Non se desbota a implicación do sospeitoso noutros dous casos sen resolver
O asasino de Elisa Abruñedo cometeu polo menos un erro, deixou pegadas do seu ADN no corpo da vítima e este foi o fío principal do que tirou a Garda Civil durante estes anos, unha década de investigacións que agora deu os seus froitos.
Por esa proba xenética sabían que o homicida era un home de pelo roxo, o que reducía substancialmente a busca. Os investigadores da Garda Civil decidiron facer probas de ADN de xeito voluntario a familias de toda a comarca de Ferrolterra e cruzaron esa información cos restos biolóxicos que tiña Elisa.
Atoparon unha compatibilidade, aínda que non ao cen por cento. Normal, porque non era o ADN do asasino, pero si dun familiar. Acoutaron a busca e deron cun sospeitoso.
Rescataron entón a primeira evidencia que tiveron no lugar do crime, un coche Citroën ZX que unha testemuña asegurou que vira a tarde en que se produciu o homicidio. Resultou que o sospeitoso se movía nun vehículo desa mesma marca e modelo. Con todas estas probas, os axentes procederon á súa detención.
O presunto asasino de Elisa Abruñedo é un home de 49 anos, natural de Cabanas, afeccionado á caza e traballador nunha empresa auxiliar de Navantia, onde onte foi detido. No rexistro do seu domicilio de Narón atoparon varias armas.
A hipótese que vai cobrando forza é que escolleu a súa vítima de forma casual, mentres ela daba un paseo de domingo polas inmediacións da súa casa. Alí foi onde abandonou o seu corpo entre a maleza, despois de violala e matala a navalladas.
O caso, en mans do Xulgado de Instrución Número 2 de Ferrol, está baixo segredo de sumario. Segundo fontes próximas á investigación, pode que o asasinato de Elisa non sexa un caso illado.
Estase investigando a implicación deste home en dous casos máis que están sen resolver. Un deles, un intento de agresión a unha moza que ocorreu en Santa Cristina, no concello de Oleiros. A descrición que ela facilitou do seu agresor coincide coa do detido. Tamén investigan a súa posible conexión co caso dunha muller que apareceu morta á beira do río Miño en Ourense.
Satisfacción e alivio tras a detención do presunto homicida de Elisa Abruñedo
Conmoción en Narón, onde reside o detido