Un condutor de 70 anos falece ao saír da vía co seu coche en Sada
Un condutor de 70 anos falece ao saír da vía co seu coche en Sada
O sinistro ocorreu na Nacional VI pouco despois das 3 da tarde
O condutor e único ocupante do vehículo, un home duns 70 anos, morreu no sinistro tras perder o control do seu coche e saír da vía para acabar batendo contra a varanda de protección.
Ata o lugar desprazáronse os bombeiros do Consorcio Provincial contra Incendios e de Salvamento da Coruña, as policías locais de Oleiros e Sada e a Garda Civil de Tráfico.
O tenente Francisco Javier López Dopico da Garda Civil de Tráfico confirmou que se trataba "dunha saída de vía á saída da rotonda e como consecuencia faleceu a persoa que conducía".
Ocorreu na Nacional VI, á altura do lugar de Soñeiro, no concello de Sada, unha zona de obras onde a circulación está limitada a 40 quilómetros por hora.
Na calzada non se apreciaron marcas de freada e non se descarta ningunha hipótese, mesmo que o condutor puidese sufrir unha indisposición mentres conducía.
Testemuñas do sinistro confirmaron a TVG como viron que o coche perdera o control varios metros antes de saír da estrada e acabar batendo contra a varanda.
Desde a Garda Civil de Tráfico evitaron aventurar calquera hipótese como causa do accidente nestes momentos iniciais da investigación que mantén aberta.
A hora do accidente, contra as dúas e media da tarde, provocou que se rexistraran retencións en dirección á cidade da Coruña.