Un curtocircuito no mecanismo dun toldo, posible orixe do incendio de Valencia
Un curtocircuito no mecanismo dun toldo, posible orixe do incendio de Valencia
A Policía Científica remata a revisión do inmoble sinistrado e comezan a aloxar en pisos as familias que quedaron sen fogar
Os Reis solidarízanse cos afectados polo incendio de Valencia
O incendio de Valencia abre o debate sobre a revisión das normas de edificación
Un veciño gravou o que semellan os primeiros momentos do incendio que destruíu o edificio en Valencia. O lume puido comezar por un curtocircuíto no mecanismo eléctrico do toldo dun balcón no apartamento 86 do inmoble. A hipótese que confirman fontes da investigación aínda non é oficial.
"O venres decretouse o segredo do sumario e polo tanto son cuestións que forman parte da investigación", dixo a delegada do Goberno na Comunidade Valenciana.
Nas últimas horas remataron os traballos de escaneado da fachada e a Policía Científica concluíu a revisión palmo a palmo do edificio. Os bombeiros recuperaron os poucos obxectos que se salvaron do incendio. É o caso de varias caixas fortes que lles foron entregadas aos seus propietarios.
"A nosa documentación estaba no salón e queimouse, pero na caixa forte gardamos algunhas xoias familiares de recordo", conta emocionada unha veciña que acaba de recuperala.
O que tamén se salvaron foron os coches porque o incendio non chegou aos garaxes. Neste momento é o ben persoal máis valioso que están recuperando a maioría dos afectados.
Un cento de familias xa pediron ser aloxadas neste edificio de 131 vivendas habilitado polo concello. Estanlle dando os últimos retoques e dotándoo do imprescindible para que poidan comezar a ocupalo os desaloxados do incendio.
"A nosa intención é que desde hoxe xa empecen a vir as primeiras familias, dándolles prioridade ás que teñen fillos, mobilidade reducida ou persoas dependentes", explicaba a alcaldesa da cidade.
Valencia deu por rematada as tres xornadas de loito oficial cun minuto de silencio polas dez vítimas mortais. Aínda se segue traballando na súa identificación.