Un desprendemento de pedras de grandes dimensións ameaza varias vivendas en Cangas
Un desprendemento de pedras de grandes dimensións ameaza varias vivendas en Cangas
As rochas precipitáronse sobre a parte de atrás das casas, provocando danos nos peches e nun garaxe
Agora o perigo é que se produzan novos derrubamentos
As pedras que se desprenderon dun muro caeron sobre a parte de atrás de tres vivendas da rúa Arrecife, en Cangas. Arrasaron cos peches das casas e deixaron un garaxe completamente esmagado. Tamén afectaron a un pozo, que quedou sepultado.
O estrondo que provocou a caída das rochas alertou os veciños da contorna. Os propietarios miran con preocupación o muro que ameaza as súas vivendas ante a posibilidade de que se produzan novos desprendementos.
Cren que as fortes chuvias dos últimos días foron a causa do derrubamento.
Mentres agardan os informes técnicos do Concello para avaliar a situación, os afectados buscan solucións para evitar que se repita o suceso que, por sorte, nesta ocasión só causou danos materiais.