Pechan outro treito do paseo do litoral de Foz a causa dos desprendementos
Pechan outro treito do paseo do litoral de Foz a causa dos desprendementos
Hai semanas pechouse unha parte do paseo na parroquia de Cangas de Foz e agora a situación repítese en Fazouro
A escasos metros da zona pasa a liña do FEVE e os técnicos do Adif e do Concello temen que o terreo se estea desfacendo
A intensa chuvia obrigou a pechar outro treito do paseo do litoral de Foz. O motivo son os continuos desprendementos que sofre esa zona da costa.
Este inverno os desprendementos dos aludes costeiros están a ser un gran problema na zona. En Foz hai unhas semanas pechaban un treito do paseo do litoral na parroquia de Cangas e agora na de Fazouro.
O paseo quedou literalmente suspendido no aire. A situación é moi preocupante, porque a tan só seis metros da zona afectada pasa a liña do tren de FEVE. O terreo nesa zona da costa é moi arxiloso e recibe unha gran cantidade de auga freática, polo que cada vez máis se vai deslizando cara ao mar.
Tamen o mar fai o seu traballo batendo forte contra o litoral. Estes días dáse a circunstancia ademais de que as mareas son das máis altas do ano. Persoal do Concello e do Adif seguen a evolución da situación, todo apunta a que o terreo estase desfacendo.