Detido por presunto delito de homicidio o home residente na nave onde se atopou o cadáver no sumidoiro de Rábade
Detido por presunto delito de homicidio o home residente na nave onde se atopou o cadáver no sumidoiro de Rábade
Detido por presunto delito de homicidio o home residente na nave onde se atopou o cadáver no sumidoiro de Rábade
A espera de ser identificado o cadáver, os investigadores asumen que se trata dun veciño de Rábade de quen se denunciara a desaparición hai uns días
A Garda Civil detén a un cidadán portugués de 55 anos como presunto autor do crime do home cuxo cadáver foi localizado na noite do martes nun sumidoiro, a uns dous metros de profundidade, no polígono industrial de Rábade. O detido, residía na nave abandonada onde foi localizado o cadáver.
O arresto do investigado por un presunto delito de homicidio, produciuse este mércores, segundo confirmou a Garda Civil.
Logo de ser arrestado, foi trasladado á zona onde foi localizado o cadáver para realizar unha primeira aproximación aos feitos.
A alerta chegou sobre as 22:45 horas deste martes, cando a Garda Civil comunicou o achado dun corpo sen vida aos servizos de Emerxencias e solicitou axuda para rescatalo. Así, o 112 Galicia trasladou o aviso ao 061, aos bombeiros do Eume e ao GES de Friol.
Os efectivos desprazados ata o lugar conseguiron extraer o corpo do sumidoiro, despois de cortar un tubo da arqueta para poder acceder á persoa.
Fontes da Garda Civil confirmaron que o cadáver foi localizado no marco dun dispositivo de procura dun veciño de Rábade de 40 anos de idade, logo de que o seu compañeiro de piso denunciara que estaba desaparecido dende a noite de fin de ano.
Con todo, as mesmas fontes precisaron que o corpo localizado estaba en estado de descomposición e carecía de documentación, polo que se están levando a cabo as dilixencias necesarias para a súa identificación. Así, todas as hipóteses están abertas, tanto da identidade do falecido como das circunstancias da morte.