Un estudo do xenoma de máis de 7.000 tumores ofrece claves sobre a metástase
Un estudo do xenoma de máis de 7.000 tumores ofrece claves sobre a metástase
A investigación está liderada polo Vall d'Hebron Instituto de Oncoloxía
Conseguiron secuenciar o xenoma de 71 tipos de cancro
Dous estudos liderados polo Vall d'Hebron Instituto de Oncoloxía ofrecen o maior repositorio de datos de secuenciación do xenoma completo de máis de 70 tipos de cancro diferentes, que inclúen máis de 7.000 mostras de tumores, unha información que serve para comparar e identificar patróns nas metástases.
Publicados este mércores nas revistas Nature e Nature Genetics, as investigacións están lideradas polo doutor Francisco Martínez Jiménez, xefe do Grupo de Inmunoxenómica Computacional do Vall d'Hebrón, xunto a investigadores do Centro de Medicina Molecular da Universidade de Utrecht e da Fundación Médica Hartwig.
O artigo publicado en Nature describe concretamente as diferenzas xenómicas globais atopadas ao comparar os tumores primarios cos metastásicos de 71 tipos de cancro diferentes e máis de 7.000 mostras tumorais. É a primeira vez que se xera un conxunto de datos de secuenciación completa do xenoma tumoral desta magnitude, uns datos que son públicos e están ao dispor dos investigadores para coñecer a bioloxía e a evolución do cancro e poder traballar no desenvolvemento de novas terapias.
"Ata o presente, moitas análises enfocábanse en rexións específicas do xenoma que se saben que son relevantes para cancro, pero o que fixemos nós é estendelo a todo o xenoma humano -que ten 3.000 millóns de pares de bases- e para máis de 7.000 pacientes", explicou Martínez.
A análise das diferenzas xenómicas entre os tumores primarios e os metastásicos levou os investigadores a diversas conclusións, entre elas que as diverxencias dependen en gran medida do tipo de tumor.
"Nalgúns tipos de tumores, por exemplo o de páncreas, as diferenzas xenómicas entre os tumores primarios e metastásicos son sutís, mentres que en próstata, tiroides e algúns tipos de cancro de mama hai diferenzas xenómicas moi importantes”, destacou Martínez.
Sistema inmunitario
Doutra banda, o estudo que se publica en paralelo na revista Nature Genetics presenta unha análise das alteracións xenómicas que permiten aos tumores escapar do sistema inmune. Os resultados revelaron que un de cada catro pacientes ten esas alteracións xenómicas. Así mesmo, a comparación entre tumores primarios e metastásicos desvelou que apenas existen diferenzas entre ambas as etapas.
"Isto lévanos a pensar que a maioría dos tumores probablemente adquiren a capacidade de evadir o sistema inmune en etapas moi temperás da súa evolución”, valorou Martínez.