Un ferido durante unha cacería en Viana do Bolo
Un ferido durante unha cacería en Viana do Bolo
Ao home trasladárono en helicóptero medicalizado ao hospital de Ourense tras recibir un disparo nunha perna
Aconteceu na parroquia de Quintela de Umoso en Viana do Bolo onde participaba xunto con outros compañeiros nunha batida contra o xabaril.
Un home de 40 anos feriuse este domingo nun accidente de caza na parroquia de Quintela de Umoso, no concello ourensán de Viana do Bolo. O lesionado sufriu un disparo nunha perna.
Os servizos sanitarios desprazados ata o lugar contactaron pasado o mediodía co 112 para solicitar a colaboración doutros servizos de emerxencias no acceso ao punto onde estaba o cazador.
Un dos compañeiros da batida informaba de que estaban na estrada de Tabazoa, nas proximidades de Umoso. A gravidade da situación fixo que se mobilizara o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que levou o ferido ata o hospital.
Todo parece indicar que un dos participantes na cacería tropezou, a súa arma disparouse de xeito accidental e un compañeiro recibiu o disparo nunha perna.
Ata Umoso tamén se desprazaron a Garda Civil, o GES da Veiga e a Policía Local de Viana.