Un grupo de menores estragan unha nave da confraría da Illa de Arousa
Un grupo de menores estragan unha nave da confraría da Illa de Arousa
As instalacións ían retomar a actividade de cría de moluscos dentro de poucos meses
Son 17 menores, rapaces e rapazas, 15 deles identificados no lugar dos feitos
Acto de vandalismo sen precedentes na Illa de Arousa. Ata quince mozos foron identificados pola Garda Civil como presuntos autores do ataque ás vellas instalacións da confraría en Punta Quilma. Falamos, en todos os casos, de rapaces menores de idade.
Despois de que os vixilantes da confraría descubriran os danos ocasionados, polo menos en dúas ocasións, estiveron atentos o que acontecía na nave. Na seguinte incursión os veciños avisaron os vixilantes e chamaron a Policía Local. Xunto a portada había varias bicicletas nunha pila.
Saltaron a portada axudados dunha cadeira. Dentro do recinto entraron pola porta de atrás. O edificio leva anos baleiro, e a confraría chegou un principio de acordo con unha empresa que está interesada en poñela a producir, ata o punto de que xa comezara a trasladar algúns materiais e mobles novos de oficina ata a nave.
Moitos deles foron obxectivo para os e as adolescentes que durante varias noites entraron deixando cristais rotos, tanques inutilizados, portas rebentadas e todo tipo de desfeita.
"Aquí o que atopamos foi as entradas todas rebentadas, cristais, portas. Maquinaria que temos aquí almacenada tirada por fóra das instalacións. Romperon as chaves de paso dos bidóns que van soldadas no poliéster, agora non sei como se pode arranxar iso. Movéronos, non sabemos como fixeron para pasar por este corredor tan estreito. Estiveron nun cuarto onde temos produtos químicos, produtos perigosos como metano, ácido clorhídrico, estiveron manipulando neles no cuarto onde se xuntaban hai restos desas substancias. Isto estaba gardado nun cuarto con chave, rebentaron a fechadura e sacaron todo para fóra. Si é certo que non roubaron nada, pero os danos como podedes ver creo que son abondosos", di Xosé Anxo Santos, responsable da Vixilancia da Confraría da Illa de Arousa.
A Garda Civil identificou 15 rapaces e rapazas, con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos, e naturais de Vigo, A Coruña, Pontevedra e da Illa. Outros dous conseguiron fuxir, pero xa están localizados.