Un grupo de candorcas deixan sen goberno un veleiro francés que navegaba entre Sálvora e O Grove
Un grupo de candorcas deixan sen goberno un veleiro francés que navegaba entre Sálvora e O Grove
Unha embarcación de Salvamento da Cruz Vermella remolcou o iate ata o porto de Ribeira
As interaccións entre grupos de candorcas e barcos nas costas de Galicia están a ser xa habituais nos últimos anos.
Desta volta sete ou oito mamíferos aproximáronse a un veleiro francés que navegaba polas augas fóra da ría da Arousa. Entre o litoral do Grove e a illa de Sálvora impactaron contra o barco e como resultado quedou sen temón.
A lancha de salvamento Hermes da Cruz Vermella mobilizouse de inmediato na súa axuda tras recibir o aviso da situación contra as sete da tarde do sábado. Pouco tempo despois o iate foi remolcado ata o porto de Ribeira para proceder á súa reparación e continuar a súa singradura en canto sexa posible.
Coincide a situación en Galicia coa algarada que xerou a difusión viral dun vídeo nas redes sociais cos tripulantes dun pesqueiro que a emprenden a tiros contra un grupo de candorcas que se aproximan á popa dun catamarán no Estreito de Xibraltar.