Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un grupo de voluntarios extrae plantas invasoras no Grove

Un grupo de voluntarios extrae plantas invasoras no Grove

Batida de voluntarios contra a invasora Carpobrotus edulis que se expande rapidamente por áreas dunares

Desenvolven o campo de voluntariado A Terra que habita no mar de coidado ambiental ata o día 26 de setembro

Só no primeiro día quitaron da zona dunar preto dunha tonelada de unlla de gato
G24.gal 20/09/2022 13:14

Unha ducia de mozos participan esta semana nun campo de voluntariado no Grove para, entre outros traballos, retirar plantas invasoras. 

Empezaron a semana onda praia de Paxareiros, no Grove. O obxectivo deste grupo de voluntarios é arrincar Carpobrotus edulis, unha planta invasora máis coñecida como unlla de gato. É moi vistosa, pero moi prexudicial; especialmente negativa polas consecuencias da súa rápida expansión neste espazo dunar.

Borja Pérez, director do campo de voluntariado A Terra que habita no mar explica que "esta zona é de tránsito de aves. Se hai esta planta diminúe a biodiversidade e a cantidade de insectos e diminúe o alimento desas aves. Con isto romperíanse as migracións do norte de Europa ata África aquí, cun pequeno descanso. Pero ademais ten repercusión económica; ao haber menos insectos hai menos polinizadores, as hortas da zona caen e con elas, tamén a produción de albariño. Daquela vai un pouco todo; afecta ao mundo animal, pero tamén ao mundo  máis do carto, máis humano".

Os voluntarios proceden de distintas provincias, a maioría de Galicia. A cambio de aloxamento e manutención, a metade da xornada fan traballos de protección ambiental ou de recuperación do patrimonio. Na outra comparten actividades culturais desde a perspectiva da acción como grupo.

Unha delas é María Maneiro salientando aquí a inquietude ambiental dos participantes: "A outra mensaxe será a necesidade de coidar o noso medio e poñer no foco que existe esta especie invasora que é moi nociva e con moitísimo alcance, porque tamén se reproduce moi rápido".
O tamén voluntario Enrique Zamora amósase satisfeito coa súa participación neste campo de traballo: "A verdade é que resulta moi gratificante porque dá a oportunidade de axudar e a de gozar".

Rematan o luns. Ata daquela traballarán na reconstrución de patrimonio e na retirada de Carpobrotus edulis.

"No primeiro día de intervención entre os dous sitios case chegamos a extraer unha tonelada", sinala o director. As plantas retiradas acabarán como materia de compostaxe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade