Publicador de contidos
Publicador de contidos

Identifican o coche implicado no atropelo mortal ocorrido en Ourense

Identifican o coche implicado no atropelo mortal ocorrido en Ourense

Aconteceu pouco antes da medianoite na rúa Curros Enríquez

O vehículo abandonara o lugar tras o accidente 

O lugar do atropelo
G24.gal 24/03/2024 09:53 Última actualización 24/03/2024 21:53

Un home faleceu tras ser atropelado na rúa Curros Enríquez, na Ponte Nova, no Concello de Ourense. Dez minutos antes da medianoite, varios particulares chamaron ao 112 para alertar do sucedido.

O falecido é un home de 43 anos de idade veciño de Xinzo de Limia. Ao parecer, recibiu o impacto de dous vehículos, se ben o primeiro, o que se deu a fuga, foi o máis violento. Fontes da investigación sinalan que o home caeu na estrada por unha indisposición e que o atropelo se produciu cando tentaban retiralo da vía.

"O tráfico estivo cortado en toda a ponte dúas horas. Non podiamos pasar e xa se sabía que había un home morto tapado e moita policía".

Agora a Policía Local xa identificou o vehículo que fuxiu, pero o seu propietario aínda non puido ser localizado polos axentes. Haberá, pois, que agardar a autopsia para determinar cal foi a causa exacta da morte.

Tamén será preciso esclarecer quen conducía o vehículo que fuxiu do lugar dos feitos logo de atropelar o falecido. A policía xa está a inspeccionar as cámaras e a reunir información entre os veciños da zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade