Un hostaleiro do Grove, ferido tras unha presunta agresión grupal
Un hostaleiro do Grove, ferido tras unha presunta agresión grupal
Relata que o tiraron ao chan e que lle deron patadas na cabeza despois de recriminalos porque marchaban cos vasos de cristal
O hostaleiro conseguiu fuxir e os presuntos agresores seguiron pelexando entre eles, con outras dúas persoas feridas
Os presuntos agresores serían un grupo de turistas convidados a unha voda na zona. Segundo o relato do hostaleiro agredido, a celebración dunha festa previa no seu local transcorría con normalidade ata que -xa de madrugada- tivo que saír chamarlle a atención a un deles por ouriñar na rúa.
Volveu recriminalos porque marchaban do local cos vasos de cristal, e foi entón cando un deles presuntamente volveuse contra el e tirouno ao chan dun empurrón. Segundo conta a vítima, xa no chan, varios homes comezaron a darlle patadas na cara e a cabeza.
"Chamoulles a atención polo dos vasos e xa o rodearon, empezaron a patadas con el, eran seis ou sete" conta unha hostaleira veciña da rúa Luís Seoane no Grove. Di que escoitou os berros dende a cociña do seu restaurante e que, cando saíu, o agredido xa fuxía "cos mozos detrás tentando alcanzalo".
"E logo volveron todos xa pelexando entre eles, todos contra todos", relata. Conta que dous dos mozos implicados na liorta tiveron que ser trasladados en ambulancia, un deles "en estado inconsciente".
O hostaleiro agredido foi trasladado ao PAC do Grove para ser atendido de cortes e contusións na cara e a cabeza. Xa presentou denuncia na Garda Civil.