Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio calcina tres turismos nun garaxe en Pontedeume e obriga a desaloxar varios pisos

Un incendio calcina tres turismos nun garaxe en Pontedeume e obriga a desaloxar varios pisos

Foi preciso evacuar os residentes nos pisos máis próximos ao punto do sinistro, debido á expansión de gases e fume

G24.gal 22/04/2022 10:32

Un incendio no interior dun garaxe de Pontedeume calcinou esta madrugada tres turismos. O garaxe está localizado no soto do edificio que inclúe o portal 11 da  rúa de Ferrol en Pontedeume. O lume descubriuno a usuaria dun coche cando ía retiralo do garaxe arredor das dúas da mañá deste venres. Chamou a urxencias e os de  Protección Civil da vila chegaron de inmediato.

"Foi unha alerta do 112 informando de que había lume nunha escaleira do edificio, no número 11. Saímos pensando que sería pouca cousa, pero ao achegarnos vimos unha columna grande de fume negro e fomos xa buscar material apropiado para estas intervencións", di Francisco Saavedra, responsable da Agrupación de Protección Civil de Pontedeume.

Logo incorporáronse bombeiros de parques da comarca. Evacuaron os residentes nos pisos máis próximos ao punto do sinistro, debido á expansión de gases e fume. En menos dunha hora o incendio estaba extinguido, pero non normalizado o ambiente no garaxe.

Daniel Blanco, integrante do Parque comarcal de bombeiros do Eume explica que "hai moitísimos vehículos no interior. Afortunadamente o lume afectou os que estaban máis preto da entrada. Se fose máis cara ao interior sería aínda máis complicadoNeste edificio cada planta do garaxe ten catro portas de acceso ás vivendas e foi por onde houbo a propagación de gases ao interior dalgún edificio, o que nos complicou bastante o labor nesta intervención".

Ningunha persoa sufriu danos e as perdas materiais están pendentes de avaliación, entre outros motivos, porque nove horas despois de descuberto o incendio seguían a traballar na ventilación do garaxe e os propietarios dos coches agardando con incerteza para ver como estaría o seu.

Os dous supermercados instalados no baixo do edificio puideron desenvolver a actividade despois dunha noite e parte da mañá de ventilación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade