Un militar da Brilat, condenado a dous anos de cárcere por acosar sexualmente unha soldado
Un militar da Brilat, condenado a dous anos de cárcere por acosar sexualmente unha soldado
O home citaba a vítima no seu despacho para ter reunións en que lle facía insinuacións de carácter sexual, ademais de ofrecerlle abrazos para ter contacto físico con ela
Un subtenente do Exército de Terra é condenado a dous anos de cárcere pos acosar sexualmente unha soldado da Brilat, cando era brigada e estaba destinado no cuartel Xeral Trasfogueiro de Pontevedra.
Os feitos remóntanse ao ano 2020, entre os meses de xullo e decembro. O entón brigada, que era o xefe da unidade en que estaba de soldado, citaba a vítima no seu despacho para ter reunións "de longa duración", en que lle preguntaba por cuestións persoais.
Neses encontros, segundo o tribunal, ademais de manter "longos silencios" mirando a soldado de arriba a abaixo", o seu superior ofrecíalle abrazos "buscando o contacto físico". Tamén lle facía continuas insinuacións de carácter sexual.
O feito de ser chamada polo brigada produciu na muller "unha forte ansiedade, angustia e pánico", segundo recolle o fallo do Tribunal Militar da Coruña. A vítima colleu unha baixa de carácter psquiátrico e denunciou o sucedido.
Xunto coa pena de cárcere e unha orde de afastamento de cinco anos sobre a vítima, a súa familia e a súa parella, que tamén é militar, o tribunal suspendeuno de emprego durante o tempo de condena e revogou o seu ascenso a subtenente.
O condenado deberá ademais indemnizar a soldado con 50.000 euros polos 183 días que estivo de baixa laboral. O acoso derivou na muller en estrés postraumático.