Un motorista morre ao ser alcanzado por un turismo no concello de Taboada
Un motorista morre ao ser alcanzado por un turismo no concello de Taboada
Faleceu no hospital de Lugo horas despois do accidente, que ocorreu na estrada LU-212
O condutor dunha motocicleta, de 37 anos, morreu esta tarde no hospital Lucus Augusti de Lugo horas despois de sufrir un accidente no concello de Taboada.
O motorista tivera que ser evacuado en helicóptero ata o centro hospitalario ferido de gravidade, tras sufrir un accidente na estrada LU-212, entre Taboada e Monterroso, xusto á altura de San Martiño de Couto.
Ao parecer, a vítima incorporábase á vía desde unha pista secundaria cando foi alcanzada por un coche que circulaba pola principal. Falecía pouco despois de chegar ao hospital a consecuencia das graves feridas sufridas.
Xusto esta semana a Garda Civil está a desenvolver unha campaña de tráfico en apoio das persoas máis vulnerables nas estradas, entre elas, as que viaxan en vehículos de dúas rodas.