Publicador de contidos
Publicador de contidos

A emigración galega en Guinea centra un novo museo ourensán

A emigración galega en Guinea centra un novo museo ourensán

Está no concello de Quintela de Leirado, onde o 70% da poboación emigrou á antiga colonia española

G24.gal 14/12/2021 21:00

A historia que recolle este museo empeza en 1896, o ano en que chegou a Guinea o primeiro habitante de Quintela de Leirado, Eloy Estrada.

"Partiu a emigración forte entre 1940 e 1970. Nesa época, practicamente o 70% da poboación de Quintela estivo emigrada en Guinea",  explica José Antonio Pérez Cortés, alcalde de Quintela, que tamén emigrou a Guinea.

A través de paneis, fotografías, obxectos e, o máis importante, a memoria dos que alí emigraron, recolle preto dun século de historia, ata a independencia en 1968.

"Cando lle deron a independencia viñemos todos. A compañía díxonos que viñeramos", sinala un veciño.

É un museo que aviva as emocións daqueles que marcharon da Galicia rural dos anos 50 á África tropical.

"Un mundo completamente distinto. Para min era un paraíso", comenta outro.

Uns foron mecánicos, outros traballaron no comercio, na administración... pero a maioría ían para explotar as grandes plantacións de cacao e café.

O museo, financiado pola Deputación, nace coa vocación de rescatar do esquecemento unha das facetas da emigración máis descoñecidas do noso país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade