Un ocupante ilegal atemoriza os veciños dun edificio en Cangas

Preocupación polo aumento de ocupas en vivendas baleiras ou propiedade dos bancos

G24.gal 28/11/2023 13:59

Os veciños dun bloque de vivendas de Cangas viven un pesadelo diario que á conta dos ocupantes ilegais que están instalados nos baixos. O de menos é a música alta durante toda a noite. Tamén hai leas continuas; onte mesmo eran as nove da mañá e seguían de festa despois dunha longa noite coa música a todo volume e pelexas que se repiten decotío. O chocante é que hai un mes a policía e representantes da SAREB presentáronse cunha orde de desaloxo, pero non para os ocupantes desa vivenda, senón para os doutras dúas que non supoñen ningún problema para a convivencia. Os veciños teñen medo e non queren falar por temor as represalias.

Os veciños están desesperados e a presenza policial é constante. Moitas das casas son segundas vivendas ou propiedade dos bancos e foron ocupadas ilegalmente hai tempo. Algúns deles non causan problemas, pero o veciño dunha das vivendas estalles a facer a vida imposible. Vandalismo, pelexas e mesmo problemas coa subministración eléctrica á que está enganchado ilegalmente. 

Moitos non se atreven a falar. Segundo unha veciña, "hai unha parella que sempre está a discutir, repítense roturas nos coches, sempre hai cristais... hai moito vandalismo". 

As denuncias multiplícanse e o pasado día dezaseis presentouse unha orde de desaloxo que non se puido executar, pero que en calquera caso non afectaba á vivenda que causa máis problemas. 

Como conta a veciña "fan moitas festas, a un volume impresionante, ao mellor dende as dez da mañá ata as once da noite, cando neste edificio a partir das dez non se pode facer ruído. Á parte hai moitísimas liortas e non paran".

Os veciños viven con medo, entre ameazas e vandalismo. "Hai bastantes nenos de pouca idade e os pais e nais teñen moitísimo medo de sacalos ao xardín que está xusto detrás polo que poida pasar. Agora xa non pasamos como antes pasabamos por alí. Se deixamos un coche, ao día seguinte nunca sabes como vai estar, ou está coas rodas picadas... nunca sabes como vai estar de protexido", láiase unha veciña.

O problema é que o número de ocupantes ilegais vai aumentando, co que os problemas non fan máis que multiplicarse. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade