Paisaxe, viticultura e gastronomía de vangarda sobre o canón do Sil
Paisaxe, viticultura e gastronomía de vangarda sobre o canón do Sil
O restaurante da adega Regina Viarum ofrece un menú que une produto local e tradición no corazón da Ribeira Sacra
No municipio de Sober, un restaurante conxuga a mellor oferta gastronómica coa beleza da paisaxe da zona. Está situado na adega Regina Viarum, un lugar privilexiado da Ribeira Sacra onde se xuntan varios dos mellores alicientes da zona.
Está a súa comida, un menú elaborado con produtos de tempada baseado na tradición, por suposto, os seus viños e neste caso, a maiores, unhas vistas de vertixe sobre o canón do Sil, que lle dan nome ao restaurante.
Entramos cedo na cociña do restaurante, horas antes de chegaren os primeiros comensais. Non paran de traballar pero semella que todo está en calma, será que a contorna tamén axuda.
"Estamos xusto á beira do río Sil, nestes canóns tan preciosos, eu coido que "Vértigo" para estas vistas ou para esta zona na que estamos é un nome moi apropiado, que di moito das vistas, do restaurante e un pouco do proxecto que queremos facer", explica Judicael Romero, xefe de cociña do restaurante "Vértigo".
Porque a un restaurante vaise sobre todo a gozar do menú, que aquí se centra no produto local e na tradición galega coa súa dose de vangarda, de técnica e imaxinación. Pero o certo é que ademais contan con outros ingredientes que acaban por melloralo todo.
"O enclave deste restaurante é fantástico, non só polas vistas e a paisaxe, senón polo que a viticultura heroica representa nesta zona. Iso tamén vai da man coa calidade dos viños e a calidade dos viños que Regina Viarum posúe nesta rexión. Pero realmente vir xantar e sentar con estas vistas e con estes viños é superprivilexiado", apunta Cristina Fueligna, enóloga e xefa de sala.
Todas as mesas dentro e fóra do restaurante contan con vistas ao canón para levar un pasiño máis aló a experiencia gastronómica.
"O primeiro son os viños, afortunadamente o enoturismo pisa forte nesta rexión e coido que é o fundamental. O enoturismo enmarca non só o paseo e a paisaxe, senón tamén o viño, e onde hai bos viños ten que haber boa comida", engade a enóloga.
É unha proposta diferente na que conxugar paisaxe, viticultura e gastronomía que lle permite ao visitante coñecer máis dende o máis alto o moito que ofrece a Ribeira Sacra.