Un ribeiro, recoñecido como mellor branco de España
Un ribeiro, recoñecido como mellor branco de España
Canción de Elisa, da Adega Dona Elisa, recibiu a máxima puntuación nos premios Baco da Unión Española de Catadores
Canción de Elisa é o mellor branco de España da última colleita. Foi seleccionado entre centos de participantes pola Unión Española de Catadores, que anualmente entrega os premios Baco, todo un referente de calidade para o sector.
Duvi González, colleiteira da Adega Dona Elisa: "Iso é moi difícil de conseguir e para nós supón unha gran satisfacción e un valor a todo o traballo e sacrificio que estamos facendo, con moito entusiasmo, pero moito esforzo".
A produción é limitada, sete mil botellas. Dona Elisa é unha adega familiar, artesá, en que ata as etiquetas se poñen á man.
Levan no mercado desde 2013 e van de premio en premio. As súas uvas saen dun val moi cotizado, en Santo André de Camporredondo, onde xa traballaba a avoa Elisa, que foi quen lles transmitiu o amor á terra.
"Cada unha das cepas ten o seu toque, e iso é o que ela nos ensinou: a unha pódeslle quitar máis folla que a outra, co godello hai que ter moito coidado porque o sol queima os acios. A xente sabe que os viños de colleiteiro teñen un toque manual, artesanal, de romanticismo", explica Duvi.
Máis premios
O ribeiro conseguiu, en total, cinco Gran Baco de Ouro, todo un recoñecemento á calidade da produción nesta denominación de orixe.