Un socorrista sálvalle a vida a un rapaz que se esvaeceu cando xogaba nunha piscina municipal
Un socorrista sálvalle a vida a un rapaz que se esvaeceu cando xogaba nunha piscina municipal
Xogaba cuns amigos a facer apneas e, froito do cansazo, esvaeceuse e quedou aboiando na auga
Un socorrista salvoulle a vida a un rapaz de 14 anos que quedara inconsciente e con síntomas de afogamento na piscina municipal de Sar, en Santiago.
O menor xogaba cuns amigos a facer apneas e, froito do cansazo, esvaeceuse e quedou aboiando na auga. Grazas á rapida intervención do socorrista e as manobra de reanimación que lle practicou, o rapaz recuperouse e xa está fóra de perigo.
Mateo recibia hoxe os parabéns dos seus compañeiros na piscina municipal de Sar tras a complicada situación a que se tivo que enfrontar o sábado.
A máis difícil nos seus máis de 15 anos de profesión como socorrista. Un grupo de rapaces procedentes de Barcelona que pasaban a tarde nas instalacións deron en xogar a facer apneas e a competir para ver quen aguantaba máis.
Despois intentaban atravesar a nado a piscina pero o cansanzo acumulado xogoulle unha mala pasada a un deles, un menor de 14 anos que tiveron que sacar da auga inconsciente.
Foron minutos de moita tensión e incerteza. Mateo chegou a realizarlle tres ciclos de reanimación, coa axuda tamén dun usuario da piscina.
O rapaz foi trasladado ao hospital e xa lle deron a alta o luns. Mateo recibíu os parabéns do equipo médico pola eficaz manobra de reanimación que lle evitou posibles secuelas ao menor. Pero o maior premio e satisfacción seria saber do rapaz e volver velo e saudalo.