Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un surfista mantivo a salvo os bañistas arrastrados pola corrente en Ribeira

Un surfista mantivo a salvo os bañistas arrastrados pola corrente en Ribeira

Non dubidou en meterse na auga coa táboa para mantelos a flote mentres agardaban polos servizos de rescate

G24.gal 09/04/2023 09:56 Última actualización 09/04/2023 14:31

Susto este sábado na praia do Vilar, en Ribeira. Todo comezou cando un menor non conseguía saír da auga, arrastrado pola corrente. E non só el. Tamén un bañista que se meteu no mar para tentar rescatalo.

Afortunadamente un surfista cántabro que se atopaba no lugar meteuse na auga para axudalos. Mantívoos a flote coa súa táboa ata que finalmente o servizo de Gardacostas a bordo do Pesca I conseguiu rescatar os bañistas. Estaban conscientes e foron trasladados ao hospital do Barbanza.

No lugar despregouse un amplo dispositivo por terra, mar e aire. No operativo participaron unha embarcación de Salvamento Marítimo, un avión e un helicóptero. Tamén efectivos do grupo local de emerxencias e Protección Civil e axentes da Policía Local e Nacional.

Bañistas que se atopaban no areal chamaron o 112 pasadas as cinco e media da tarde. A intervención do surfista Ignacio Peña foi crucial. Conseguiu manter a flote as dúas persoas arrastradas pola corrente e así a xornada puido rematar cun final feliz.

A tripulación do Pesca I rescata os bañistas A tripulación do Pesca I rescata os bañistas

O surfista heroe

A praia do vilar, no concello coruñés de Ribeira, destila a beleza da súa contorna nun mar aberto de correntes perigosas e traizoeiras. Ignacio Peña, un surfista experimentado, chegou dende Cantabria buscando este paraíso e acabou protagonizando un rescate heroico.

Segundo conta, a un dos bañistas, un rapaz novo, arrastrouno a resaca. Ao outro, de 51 anos, tamén, cando se botou a auga tentando axudar no rescate.

Foron máis de douscentos metros e moitos minutos que Ignacio arrastrou ás extenuadas vítimas ata que apareceu o helicóptero dos Gardacostas de Galicia.

O operativo oficial de rescate agradeceu nas redes o empeño deste improvisado heroe. Mentres no Vilar, o mar seguía avisando este domingo da súa forza, e quen avisa non é traidor.

Ignacio Peña na praia do Vilar Ignacio Peña na praia do Vilar
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade