Un torneo de fútbol contra o cancro organizado en Pontevedra por rapaces da xeración Z
Un torneo de fútbol contra o cancro organizado en Pontevedra por rapaces da xeración Z
O vindeiro martes no campo de fútbol Manolo Barreiro 16 equipos xogan o Torneo do Ano en proveito da Asociación Española contra o Cancro. O particular deste campionato benéfico é que esta idea solidaria partiu dun rapaz pontevedrés de 17 anos. Os seus amigos, todos da xeración Z tantas veces criticada por estar absorta nas redes, colaboraron na organización do evento.
Javier Domínguez ensínanos as fotos cos seus bisavós, el entre os dous. Morreron en decembro do 22 e en febreiro deste ano. Así que, con 17 anos , Javier, un adolescente nacido en 2006, tivo o seu primeiro contacto coa morte. Xa sen eles comezou a darlles voltas a dúas ideas, unha facer algo polos demais como eles lle ensinaron, e outra, facelo polo cancro, xa que unha das súas avoas tivo esta enfermidade. É unha supervivente do cancro.
"E xa naquela época a enfermidade descoñecíase moito máis ca agora. E agora hai medios pero non temos todo o coñecemento da enfermidade. E non só por miña avoa, senón por todas as persoas que un día tiveron a enfermidade ou os que non puideron superala", conta a TVG Javier Domínguez, organizador do Torneo do Ano.
"Eu tamén teño a miña avoa que desgraciadamente morreu hai uns anos de cancro. Así que é un tema que me gustaría axudar á investigación ou ao que faga falta para poder curar esta enfermidade", relata Alberto Martínez, amigo e colaborador de Javier.
Daquela idea dun homiño, acompañado polos seus amigos Alberto, Jaime ou Gabriel, naceu o Torneo do Ano, de fútbol, do martes que vén. 16 equipos xogarán na Xunqueira, houbo 30 peticións, e o que se recade, as camisetas que vendan e mais a a fila cero será para a Asociación Española Contra o Cancro.
"A fin de contas somos novos, e nunca sabes o que pode saír disto. Ao final pode ser un risco para eles como asociación, pero agradecémoslles moito a súa confianza en nós", engade Javier Domínguez, organizador do Torneo do Ano.
A xeración Z, esa de cristal que din que non tolera a frustración e que só pensa nas pantallas, está chea de rapaces bos, que adoran os seus vellos e que queren un mundo mellor onde se investigue o cancro.