Un turismo que non interfira na vida dos cidadáns, o reto principal do goberno galego
Un turismo que non interfira na vida dos cidadáns, o reto principal do goberno galego
As previsións apuntan a un verán de récord cunha ocupación dun 85 por cento
O novo responsable da Axencia Galega de Turismo busca a sostibilidade
O turismo en Galicia segue medrando. As perspectivas para este verán apuntan a niveis de ocupación de entre o 70 e o 85 por cento. O novo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, afirma que Galicia está de moda, como demostran os datos de ocupación.
Logo das cifras récord de 2020 e 2022, con seis millóns e medio de turistas e case medio millón de peregrinos, as previsións apuntan a que este ano poderían aumentar ao redor dun 15 por cento. Desde xaneiro a maio houbo millón e medio de visitantes e dous millóns setecentas mil pernoctacións. A maioría, un 70-75 por cento, proceden doutras zonas de España. E entre os atractivos de Galicia, o novo responsable de turismo da Xunta destaca a riqueza paisaxística e cultural.
"E pola gastronomía, a gastronomía ocupa a segunda ou a terceira posición nas preferencias de quen nos visita, e despois son uns visitantes moi interesados en facer o Camiño de Santiago, que segue sendo o noso grande escaparate"
A Axencia Galega de Turismo está destinando fondos europeos para actuar en todos os campos, desde o Camiño de Santiago e as zonas costeiras, ata as rutas gastrónómicas. Merelles asegura que o seu reto principal é conseguir un turismo sostible.
"Que a actividade turística sexa compartida por toda a cidadanía, que non interfira na realidade, na vida cotiá das persoas, a sostibilidade xa é innegociable, temos que afondar na internacionalización e por suposto na dixitalización e o apoio á comercialización do noso sector".