Un veciño da Pobra recupera unha vivenda tras máis de catro meses ocupada
Un veciño da Pobra recupera unha vivenda tras máis de catro meses ocupada
Os ocupas realugábana e exercían nela a prostitución
O propietario vai crear unha asociación de afectados na comarca do Barbanza
Fabri acaba de saír dun pesadelo de catro meses. O tempo que durou a estancia duns ocupas no segundo andar dunha vivenda de Portocarro, na Pobra do Carmiñal. Di que a muller se aproveitou da súa boa fe.
Fabri, propietario da vivenda, conta que a muller pediulle quedar na vivenda antes de firmar o contrato de alugueiro. Díxolle que era unha muller maltratada e que non tiña onde durmir esa noite. El accedeu pero á mañá seguinte a muller díxolle que xa non lle interesaba a vivenda; díxolle que atopara outra en Ribeira e que nun par de días abandonaría esta.
Pero pasaron as semanas e a muller non abandonaba a vivenda. Pouco despois descubría da peor forma posible que a estaba realugando.
Fabri dixo que un home saíu da casa asegurando que o drogaran e que lle roubaran a carteira. Asegura que nese momento deuse conta de que estaban realugando a vivenda para exercer a prostitución.
Tras este turbio episodio, ela prometeu que abandonaría a vivenda ao día seguinte..., pero nada máis lonxe da realidade.
Fabri afirma que chamou un cerralleiro para abrir porque pensaba que abandonaran a vivenda sen deixar as chaves. Di que cando entrou, a muller enfrontouse a el e acusouno de racista, de agredila e de entrar sen permiso na súa casa.
Foi a pinga que colmou o vaso, Fabri levou o caso aos xulgados. Pouco despois abandonaban a vivenda. Así e todo Fabri segue sen poder entrar. Ten que agardar unha autorización do xulgado para acceder á súa propia casa.
O propietario di que a lei de vivenda está ben pero que hai que darlle unha volta para que esta xente non se poda aproveitar das lagoas que ten.
Fabri xa avanzou que vai crear unha asociación de afectados a nivel comarcal para que outras persoas non teñan que vivir este pesadelo.