Un condutor de 95 anos atropela co seu coche doce persoas nunha terraza de Vigo
Un condutor de 95 anos atropela co seu coche doce persoas nunha terraza de Vigo
O home errou ao manobrar co seu turismo automático e, tras golpear varios vehículos, subiu á beirarrúa e impactou contra as mesas do restaurante La Aldeana, en Rosalía de Castro
Dos doce alcanzados, cinco foron derivados a hospitais de Vigo e sete dados de alta
Un vehículo sen control levou por diante este mediodía unha das mesas do restaurante La Aldeana, situado na Avenida Rosalía de Castro en Vigo.
Ao parecer, o condutor, de 95 anos perdeu o control do coche automático cando daba marcha atrás e non deu freado. Golpeou varios vehículos, subiu á beirarrúa, impactou contra as mesas da terraza do local e atropelou os clientes.
Houbo doce persoas feridas, sete delas atendidas no lugar con feridas leves. Outras cinco precisaron o traslado en ambulancias ao hospital, dúas ao de Fátima e outras tres ao Álvaro Cunqueiro, por revestiren as súas lesións maior gravidade.
Un dos alcanzados foi un dos camareiros do local. Outra das vítimas, unha muller en cadeira de rodas.
A Policía Local de Vigo acudiu ao lugar e investiga arestora que é o que puido suceder. Tamén se desprazaron unidades da Policía Nacional, bombeiros e servizos de emerxencias.