Un virus na auga provocou o gromo de gastroenterite en Betanzos
Un virus na auga provocou o gromo de gastroenterite en Betanzos
A auga non é apta para o consumo e continúan as restricións
Mantense o abastecemento de auga a través de cisternas
Desinfectarase toda a rede e someterase a auga a un proceso de hipercloración
Finalmente a orixe do gromo non era bacteriana, senón vírica. O Concello de Betanzos informaba este sábado de que as análises realizadas polas autoridades sanitarias detectaron na auga a presenza dun virus, que puido producirse pola vertedura de residuos urbanos ou de augas negras ao río na zona de captación e que chegaría despois á planta potabilizadora.
Mantense o abastecemento de auga a través de cisternas, ademais da repartición de garrafas a persoas maiores de 75 anos con problemas de mobilidade ou en situación de vulnerabilidade.
A auga non é apta para o consumo e mantéñense, polo tanto, as restricións, que pasan por non usala nin para o consumo ni para o lavado de alimentos nin para a hixiene bucodental. Moitos veciños do concello víronse afectados estes días polo gromo de gastroenterite.
Segundo o consistorio, levarase a cabo o plan, acordado coa Xunta, de limpeza e desinfección de toda a rede e someterase a auga a un proceso de hipercloración. Tamén se intensificarán os controis.
O Concello pediu, ademais, un informe urxente á empresa concesionaria para que dea explicacións de por que non se detectou o virus e por que chegou á rede de augas.