Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un xubilado de Ourense leva décadas facendo réplicas de máquinas de tren

Un xubilado de Ourense leva décadas facendo réplicas de máquinas de tren

Boa parte do material está exposto no Museo do Ferrocarril de Monforte

Tamén conta cunha extensa colección de obxectos relacionados co tren

 

G24.gal 13/01/2023 21:37 Última actualización 14/01/2023 09:03

Cunha longa tradición ferroviaria ás súas costas, José García leva décadas construíndo réplicas de máquinas de tren. Aos seus oitenta anos esta afección ocupa aínda a día de hoxe boa parte do seu día a día. 

Tantas son as máquinas que construíu nestes últimos trinta anos que boa parte delas están no Museo do Ferrocarril de Monforte, outras na casa e algunha, coma a réplica da famosa máquina do tren da estación de Ourense, exposta nunha taparía do barrio da Ponte.

Conta ademais cunha gran colección de material ferroviario que comezou aló polos anos noventa, onde non falta practicamente de nada. 

Entrar na casa de José García é acceder a unha especie de pequeno museo do ferrocarril, onde cada pouco se aprende algo novo.

"Destas en Portugal aínda hai dúas funcionando. Chamábanlle 'A ratiña' porque era pequeniña, en España temos outra parecida que é o rato."

Foi na década dos noventa cando vendo que xa estaba preto o momento de xubilarse decidiu dedicarlle máis tempo á súa afección preferida. Coleccionar material ferroviario e construír a que foi a súa primeira réplica. A da famosa máquina do tren da estación de Ourense.

"Dixen: por que non a facemos en chapa? co papel marcamos a chapa, non tiñamos lata pero no taller tiñamos unhas chapas de zinc e fixémola en zinc", conta.

Despois desa viñeron moitas máis.

"Pouco a pouco fun facendo unha e outra e pasando o tempo. Teño feitas cen ou cento e algo."

Algunhas delas están repartidas polos cuartos da súa casa, canda unha parte do taller. Os traballos máis complexos fainos no faiado aproveitando os materiais que van chegando ás súas mans. 

"A maioría das cousas é material reciclado: a vagoneta de electrificación metinlle dous motores do limpa parabrisas dun seiscentos."

Este fillo e neto de ferroviarios conta ademais cunha extensa colección de todo tipo de obxectos relacionados co mundo do ferrocarril: dende farois, teléfonos ou gorras ata abrigos, chaveiros ou mesmo as pinzas para perforar os billetes.

Tamén ten unha chea de libros e manuais, e moita curiosidade, para seguir aprendendo cada día do que máis lle gusta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade