Unanimidade para pedir que o Xacobeo 2027 sexa declarado de excepcional interese
Unanimidade para pedir que o Xacobeo 2027 sexa declarado de excepcional interese
O obxectivo é beneficiar as empresas que contribúan na programación e na difusión do Ano Santo mediante deducións fiscais
O Parlamento de Galicia aprobou con unanimidade este xoves unha proposición non de lei en que se solicita ao Goberno central que declare o Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese, con efectos desde o ano 2025.
O obxectivo da petición aprobada na comisión de Turismo do Parlamento é beneficiar a todos aqueles que contribúan tanto á programación como á difusión do Ano Santo a través de deducións fiscais. Esta declaración xa se fixo en anteriores celebracións de anos Xacobeos.
De feito, o Xacobeo 2021-2022 contou coa colaboración de 40 empresas de varios sectores e supuxo unha achega de máis de 28 millóns de euros para o evento. A proposta foi impulsada polo PPdeG e contou co respaldo do BNG, PSdeG e Democracia Ourensana.