Unha aldea da Costa da Morte ponse á venda por 200.000 euros
Unha aldea da Costa da Morte ponse á venda por 200.000 euros
Candelago ten cinco casas en pé e varios cabazos
As vivendas levan anos abandonadas
Só queda un veciño que vive na entrada da aldea
Nun alto con vistas á ría de Corme e Laxe, a cinco minutos do Roncudo, está Candelago. A aldea, deshabitada desde hai anos, véndese con cinco casas en pé e varios cabazos.
"Dos mais de 80 núcleos que hai en Ponteceso só temos un que está deshabitado, que é Candelago. Como núcleo que é, é solo urbano, é edificable e rehabilitable, simplemente cun proxecto que pase por Patrimonio", explica Xosé Lois García, alcalde de Ponteceso.
Os seus actuais propietarios decidiron poñela á venda por arredor de 200.000 euros. A noticia non tardou en espallarse e o Concello está a recibir numerosas chamadas de persoas interesadas en mercar, algunhas desde o estranxeiro.
"Chamounos xente ao Concello desde Australia, desde Estados Unidos, desde Canarias, desde Andorra e outros moitos sitios", comenta o alcalde de Ponteceso.
Os que veñan terán como veciño a Xosé Collazo. A súa casa está xusto na entrada da aldea. En 1961, ano en que marchou para o Uruguai, vivían aquí máis de vinte persoas.
"Cando eu marchei de aquí había 20 e pico persoas. Había familias numerosas tamén. E anos antes, segundo dicían os maiores, era unha aldea de moita xente", explica Xosé Collazo, veciño de Candelago.
Nos últimos anos houbo varios intentos frustrados de converter o lugar nun complexo turístico. Desde o Concello de Ponteceso agardan que desta vez saia adiante.
"A xente que veu mirala veu con boas intencións. Imos ver se temos sorte e quen compre quere facer algo turístico. Esperamos que con este 'boom' turístico da Costa da Morte este lugar sexa un sitio de atractivo para os visitantes", comenta o alcalde de Ponteceso.
"A ver se se vende e vén xente, así esperamos", di o único veciño da aldea.
Xosé agarda que a aldea recupere a actividade que tiña cando el emigrou ao Uruguai, hai agora 60 anos.