Unha avaría eléctrica causa estragos en Ourense
Unha avaría eléctrica causa estragos en Ourense
Afectoulles a veciños e negocios de dúas rúas da cidade
Avariáronse todos os aparellos eléctricos que estaban conectados
O IES Otero Pedrayo foi o máis prexudicado
Os alumnos do nocturno do instituto Otero Pedrayo estaban na clase, contra as sete e media da tarde, cando todo empezou a estoupar.
"Luces que se fundían estoupando, ordenadores que botaban fume, a fotocopiadora, o ascensor... Desaloxamos enseguida o instituto", relata o director do centro Daniel Lorenzo Valdivieso.
Os danos foron moi elevados. Avariouse todo o que estaba funcionando, empezando polo ascensor, a reparación máis cara. "A fotocopiadora, a alarma antiincendios, 14 CPU, 5 monitores, 3 canóns, 4 altofalantes e 35 puntos de luz", enumera o director.
Ducias de afectados
O mesmo relato repítese en baixos e portais da rúa Lugo e da Padre Feijoo, pero só nunha das beirarrúas. A orixe do problema, din os afectados, está nun transformador que lle dá servizo a esta área. Só nun dos bares afectados elevan os danos a dez mil euros: "Alumeado, o 50 %, aire acondicionado, televisión, lavavaixelas... Comentan que entrou pola terra", explica Julio, o dono do bar.
Os danos son incalculables porque, á parte da reparación das avarías, obrigou os negocios a reduciren a súa actividade habitual.
Sandra Sotelo, pasteleira afectada: "Unha semana perdida, máis ou menos. Tivemos que mercar un forno pequeno que nós lle chamabamos o forno de Pepa Pig porque non cocía, de pasar dun forno industrial a unha miniatura...".
Todos coinciden na axilidade da eléctrica, que se comprometeu a reparar os danos. A avaría foi hai unha semana e os problemas máis urxentes xa están amañados, pero aínda quedan cousas pendentes, como as fotocopiadoras do instituto ou a propia alarma antiincendios.