Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha cámara detectará os condutores que salten un stop ou unha liña continua

Unha cámara detectará os condutores que salten un stop ou unha liña continua

Saltar un Stop implica unha multa de 200 euros e a retirada de catro puntos do carné de conducir

A falta de respecto da liña continua é unha das causas das colisións laterais

G24.gal 13/07/2023 08:26

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) empezou a probar dous sistemas de vixilancia mediante cámara para detectar os condutores que salten os sinais de Stop en cruces e os que non respecten a liña continua nas incorporacións, dúas situacións que implican un elevado risco de accidente.

Un total de 1.093 condutores implicados en accidentes con vítimas non respectara un stop. É unha das infraccións máis habituais, por detrás das de exceso de velocidade, non manter a distancia de seguridade, non respectar unha regulación de prioridade ou invadir parcialmente o sentido contrario.

O proxecto piloto implantado pola DXT para a vixilancia dos cruzamentos con sinais de stop detecta de forma automática a correcta actuación ante este sinal (hai que deterse sempre) e sanciona, tamén de forma automática, o seu incumprimento.

Unha cámara de vídeo grava e envía permanentemente o achegamento dos vehículos ao cruzamento sinalizado cun stop. O sistema está calibrado para detectar se o vehículo para totalmente ou non.

En caso de non respectar o sinal, o vídeo é enviado ao Centro de tratamento de Denuncias Automatizadas, que, con esas probas, tramitará o expediente de sanción correspondente.

Saltar un stop carrexa unha multa de 200 euros e a retirada de catro puntos do carné de conducir.

A falta de respecto da liña continua é unha das causas das colisións laterais, outro accidente cada vez máis habitual. Para vixiala, a DXT xa proba tamén un sistema combinado de dúas cámaras. Unha delas le as matrículas dos vehículos que circulen polo carril de incorporación, e a outra, situada máis adiante, grava os que circulan pola vía a que van incorporarse.

O sistema compara as matrículas gravadas e se detecta un vehículo que, tras circular polo tramo de incorporación, entra na vía principal antes de terminar a liña continua, será sancionado a través tamén do Centro de Tratamento de Denuncias Automatizadas.

Desde hai anos xa se aplican sistemas similares para controlar o uso do cinto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade