Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha colleita seleccionada dunha adega de Valdeorras inaugura a vendima deste ano

Unha colleita seleccionada dunha adega de Valdeorras inaugura a vendima deste ano

A adega Valdesil, de Vilamartín, recolleu mil quilos en acios seleccionados para elaborar o clásico viño tostado de Valdeorras

O Consello Regulador da Denominación de Orixe agarda igualar os oito millóns de quilos do ano pasado

Este ano é o 50 aniversario do Plan Revival, que supuxo a recuperación de variedades case extintas como o godello, que agora supón o 65 % da produción

G24.gal 21/08/2024 14:48

Unha adega de Valdeorras inaugurou este mércores a vendima deste ano. Colleu as primeiras uvas que se recollen en calquera das cinco denominacións de orixe galegas. Neste caso a adega Valdesil levou a cabo unha vendima de precisión, podemos dicir, porque recolleu apenas mil quilos de uva godello, en acios moi seleccionados, para elaborar o clásico viño tostado de Valdeorras, que esta adega quere recuperar.

A calor das últimas semanas obrigou a adiantar uns días a vendima. O consello regulador conta nesta campaña con achegarse aos oito millóns de quilos do ano pasado e que supuxeron un récord na historia da DO.

Non todos os acios que dá a cepa valen para o viño tostado. Cómpre facer unha selección polo miúdo. "Hai que coller os mellores, que sexan perfectos, no seu correcto grao de alcol e acidez, e que se poidna pendurar logo por separado", din Paco e David, empregados da adega Valdesil, de Vilamartín de Valdeorras.

As altas temperaturas obrigaron a adiantar un chisco a colleita. "Este ano foi desde un punto de vista meteorolóxico máis normal que o anterior. Choveu moito en primavera e no inverno, pero iso si, nas últimas semanas déronse altas temperaturas de forma prolongada, o que nos levou a adiantar uns días a vendima", sinala Raúl Prada, xerente e membro da cuarta xeración da familia propietaria da adega Valdesil.

Os acios seleccionados son pendurados un a un nun secadoiro. Alí estarán varios meses e con eles elabórase o viño tostado, un caldo que foi tradicional na comarca. "Arrancamos esta vendima con moita ilusión, porque é o primeiro ano que imos recuperar este viño, que era o tradicional en Valdeorras, o mellor que se tiña na casa e se gardaba para as grandes ocasións", comenta Raúl Prada.

O consello regulador destaca que nesta campaña fanse 50 anos do Plan Revival, que supuxo recuperar variedades autóctonas, como o caso do godello que ía camiño da extinción, e que agora supón o 65 por cento da uva recollida, co que se fai o viño insignia desta denominación de orixe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade