O crego de Ribarteme, polémico de novo: rexeita unha madriña nun bautizo por ser nai solteira
O crego de Ribarteme, polémico de novo: rexeita unha madriña nun bautizo por ser nai solteira
A familia da pequena está indignada, pero o sacerdote di que non cumpría coas normas do dereito canónico
O Bispado de Tui-Vigo apóiao: "O feito de que determinadas condutas públicas e inmorais estean moi estendidas entre os fieis non fai que estes poidan ser admitidos como padriños"
Despois de suprimir a famosa procesión dos cadaleitos, Francisco Javier de Romero, o párroco de San Xosé de Ribarteme, no concello das Neves, ten aberta unha nova polémica.
Non aceptou como madriña nun bautizo unha muller cun fillo que vive en parella pero non está casada.
A familia afectada está indignada. Comprenden que existan certos requisitos que os padriños nun bautismo deben cumprir, pero critican as formas e o momento en que o sacerdote tomou a súa decisión
A parroquia está dividida. Hai quen comprende a decisión do cura e quen non. Porén, a maior parte dos veciños aseguran que os seus posicionamentos acostuman xerar controversia. O máis polémico, a decisión de poñerlle fin á procesión dos cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme porque, segundo dixo, só fomenta supersticións.
O sacerdote atendeu un equipo da Televisión de Galicia pero non quixo falar ante as cámaras, fuxindo, dixo, de protagonismos e de polémicas.
Asegura que en ningún momento se negou á celebración do bautismo á familia, pero si a aceptar a madriña elixida porque a muller, que ten un fillo e vive en parella, non cumpría coas normas do dereito canónico.
O Bispado apóiao
O Bispado de Tui-Vigo apoiou este martes a decisión do párroco das Neves (Pontevedra).
“O párroco debe actuar coa necesaria fortaleza para rexeitar un padriño que podería causar escándalo entre os fieis”, asegura o Bispado nun comunicado no que explica que “o feito de que determinadas condutas públicas e inmorais estean moi estendidas entre os fieis non fai que estes poidan ser admitidos como padriños”.
“Ningún pai, ou ningún bautizado adulto, debe estrañarse se o párroco rexeita un padriño que leva un estilo de vida incompatible cos ensinos da Igrexa católica, pois é obrigación do párroco actuar así”, sinala o Bispado, que lembra os requisitos que ha de cumprir quen queira exercer de padriño ou madriña.
A decisión tomada polo párroco das Neves supón “actuar como o bo pastor” para o Bispado, xa que a unha madriña é obrigado esixirlle “unha vida congruente coa fe e coa misión que vai asumir”, o que parece non coincidir co feito de convivir sen que medie matrimonio.