Unha empresa de Palas de Rei vende un millón de ovos ao día
Unha empresa de Palas de Rei vende un millón de ovos ao día
Granxa Campomayor é pioneira na creación de produtos elaborados a partir do ovo
Da granxa Campomayor, en Palas de Rei, saen ao mercado un millón de ovos ao día. Esta empresa familiar, fundada hai 80 anos, é un referente en innovación. Venden ovos frescos, pero non quedaron aí. Son pioneiros en comercializar ovos con omega 3 ou ovo líquido pasteurizado, moi utilizado na hostalería.
Un negocio tradicional que non ten nada de convencional. Investigando xa dende as orixes da empresa. Unha familia con inquietude innovadora. María Caridad García, directora xeral da granxa Campomayor, conta que ao principio seu pai e mais tarde o seu marido ían probando a dar distintos tipos de penso ás galiñas. Con máis millo ou con soia para ver que pasaba no ovo. Mirando se así a casca era máis dura, etc.
"A xema melosa que caracteriza os nosos ovos foi froito destes ensaios, que naquel momento chamábamos probas e hoxe recoñezo que se tratada de puro I+D".
Este espírito inquieto levounos primeiro a diversificar o produto: ovos de galiñas en gaiola, campeiros, de galiñas criadas en chan e tamén ecolóxicos. Cando todo parecía inventado, sacaron enriquecidos con omega 3.
Crearon a única planta en Galicia para elaborar ovo líquido pasteurizado, moi utilizado en hostalería. Pouco despois sacaron ao mercado o ovo a baixa temperatura, un produto de alta cociña que Campomayor achega ao consumidor a través dos andeis dos supermercados. A última achega é unha liña de bebidas e iogures feitos a base da clara. Moi atentos ás novas demandas no mercado de produtos saudables.
A directora xeral granxa Campomayor di que polo de agora están moi satisfeitos, porque se trata dunha categoría de produtos que non hai no mercado.
Agora afrontan o reto da dixitalización e van investir seis millóns de euros na automatización das plantas.