Unha empresa galega produce proteínas sostibles alternativas á carne
Unha empresa galega produce proteínas sostibles alternativas á carne
Os biológos Iria Varela e Martín Rodríguez conseguiron transformar furngos fermentados en proteínas,moi demandadas pola industria alimentaria
Poden empregarse como substitutivas da carne no mercado vegano, pero tamén se poden incorporar a produtos con proteínas vexetais ou animais
Conseguiron crear proteínas en pó e con textura con características moi similares á carne
Sen precisar criar unha vaca xa é posible obter proteínas alternativas pero moi parecidas á carne. Semella ciencia ficción, pero xa é unha realidade facer, por exemplo, unha boloñesa sen carne. Unha empresa galega está facendo no laboratorio esas proteínas.
No centro de investigación CITI da Universidade de Vigo, dentro do Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, está a primeira empresa galega que está a producir proteínas alternativas a partir da fermentación de fungos.
Está liderada por dous mozos biólogos de Vigo, que conseguiron transformar microorganismos en proteínas en pó que se pode empregar como ingrediente nunha ampla variedade de alimentos. Por exemplo, pode ser un substitutivo da carne, pero tamén ten moitos outros usos na industria alimentaria, e que se poden combinar con proteínas de orixe vexetal ou animal.
"É unha proteína sostible, unha proteína de calidade porque ten todos os aminoácidos esenciais e máis dun 60% de proteína en peso seco, para produtos da industria e así ou subtituír ou complementar proteínas de orixe animal", explica Marín Rodríguez da empresa ODS Protein. "Pódense combinar para facer un produto nutricional e sostible e que ademais esté rico", apunta a bióloga Iria Varela Campo.
Sostibilidade e innovación
Agora o obxectivo desta empresa é que as compañías alimentarias que buscan alternativas baseadas na sostibilidade e a innovación merquen as súas proteínas.
"Dirixímonos a varios sectores, por exemplo, no sector cárnico hai que testar esa carne picada para hamburguesas ou filetes. Despois está o mercado lácteo no que podería ser algún análogo do queixo, do leite, ou algún suplemento que a revalorización sexa a partir desas proteínas alternativas que teñen agora grande valor, tanto nutricional como a nivel de sostibilidade polo proceso en que se produce", explica Iria Varela Campo, co-fundadora de ODS Protein
A biotecnoloxía avanza a un ritmo imparable e a busca destas proteínas alternativas está en auxe entre as multinacionais da alimentación. Iria e Martín ofrecen unha solución innovadora desde a súa empresa ODS Protein, que conta co apoio da Axencia Galega de Innovación.