Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha empresa saudita, principal accionista de Telefónica

Unha empresa saudita, principal accionista de Telefónica

STC Group comprou unha participación do 9,9 % en Telefónica por 2.100 millóns de euros

G24.gal 05/09/2023 21:47

A empresa de telecomunicacións saudita STC Group comprou unha participación do 9,9 % en Telefónica por 2.100 millóns de euros, e así se converte no primeiro accionista da operadora española, segundo informou este martes a compañía árabe nun comunicado.

Telefónica tamén informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) da operación, que se fará mediante a adquisición por Saudi Telecom de accións representativas do 4,9 % do capital social de Telefónica e de instrumentos financeiros sobre outro 5 %.

A compañía saudita aclara que non ten intención de adquirir o control ou unha participación maioritaria en Telefónica, segundo o seu conselleiro delegado Olayan Alwetaid, quen destacou: "Trátase dunha grande oportunidade de investimento que nos permite utilizar o noso sólido balance e manter ao mesmo tempo a nosa atractiva política de dividendos".

Ata o de agora, BBVA era o primeiro accionista de Telefónica, cun 4,87 %, seguido polo fondo estadounidense BlackRock, cun 4,48 %, segundo fontes do operador. Caixabank tamén ten unha participación do 3,5 % na multinacional española.

Saudi Telecom é o líder dixital de Oriente Medio e ofrece produtos e servizos en Arabia Saudita, Oriente Medio e Norte de África, segundo a información remitida pola empresa, que cotiza na Bolsa de Arabia Saudita cunha capitalización bolsista de 49.200 millóns de euros.

O grupo saudita fixo investimentos no sector da información, a comunicación e a tecnoloxía, tanto no seu país coma no estranxeiro. A máis recente é a adquisición por parte dunha das súas filiais, Tawal, dos activos de torres de telecomunicacións de United Group en Bulgaria, Croacia e Eslovenia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade