Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha enquisa de 'El Mundo' dálle ao PPdeG a maioría absoluta nas eleccións galegas

Unha enquisa de 'El Mundo' dálle ao PPdeG a maioría absoluta nas eleccións galegas

O BNG manteríase como segunda forza e o PSdeG melloraría os resultados de hai catro anos

Sumar obtería representación parlamentaria, algo que non lograrían nin Podemos nin Vox

G24.gal 15/01/2024 09:59

O diario El Mundo publica hoxe unha enquisa de Sigma Dos segundo a cal o PPdeG gañaría as eleccións do mes que vén con maioría absoluta. O BNG manteríase como segunda forza e o PSdeG melloraría os resultados de hai catro anos. Sumar obtería representación parlamentaria, algo que non lograrían nin Podemos nin Vox.

A enquisa dálle ao PPdeG de Alfonso Rueda o 47,4 % dos votos, 6 décimas menos do obtido polo seu predecesor nos comicios do 2020. Iso traduciríase en entre 38 e 41 escanos, de 1 a 4 menos dos que teñen agora os populares pero con maioría absoluta.

O BNG liderado por Ana Pontón lograría o 23,4 % dos sufraxios, catro décimas por baixo das anteriores eleccións, podendo ocupar 18 ou 19 asentos: un menos ou os mesmos que ten.

O PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro melloraría nun punto e dúas décimas o resultado de hai catro anos, facéndose co 20,6 % das papeletas. Iso daríalles de 15 a 17 escanos, entre 1 e 3 máis.

A enquisa que publica El Mundo dálle á candidatura de Sumar, encabezada por Marta Lois, o 4,9 % dos apoios, que se traduciría nun ou dous asentos. Non entraría no Parlamento Vox, con Álvaro Díaz-Mella á cabeza, que quedaría co 2,1 % dos votos, a mesma porcentaxe do 2020; tampouco Podemos, con Isabel Faraldo, que quedaría co 1 %.

Segundo Sigma Dos, A Coruña e Lugo son as provincias con máis posibilidades de cambios con respecto aos anteriores comicios: os populares poderían perder un escano na primeira e ata dous na segunda; os socialistas poderían gañar terreo e son as bazas de Sumar para ter representación. En Ourense, habería un asento en xogo entre PPdeG e BNG.

A enquisa realizouse entre o 2 e o 12 deste mes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar