Unha explosión de gas causa danos nunha vivenda en Arteixo
Unha explosión de gas causa danos nunha vivenda en Arteixo
O estouro provocou estragos na cociña e escachou varias ventás
Non houbo danos persoais, pero os bombeiros solicitaron asistencia para unha persoa que presentaba síntomas de desorientación
Aconteceu contra as 22:00 da noite. Varios particulares contactaron co 112 Galicia para alertar da presenza de lapas no interior dun edificio da Avenida de Fisterra, no concello coruñés de Arteixo. Segundo explicaron, producise un estoupido, víase saír fume desde unha fiestra e no lugar da explosión había cristais espallados pola rúa.
Con esta información, os xestores do 112 Galicia avisaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Arteixo, Garda Civil da Coruña, Policía Local e Servizo Municipal de Protección Civil de Arteixo.
Nunha nova comunicación, os bombeiros solicitaron asistencia sanitaria para unha persoa que estaba no domicilio no momento da explosión. Se ben non sufrira danos, a persoa atopábase desorientada.
Logo de entraren no inmoble, os membros do parque comarcal informaron o 112 Galicia de que o gas quedara aberto nun momento en que marchou a luz. En canto volveu, produciuse a explosión, logo de que se formase unha bolsa de gas no habitáculo.
Isto provocou catro focos de incendio, que xa estaban apagados en canto chegaron á vivenda, na que se viron afectadas varias ventás e a cociña da casa.
Segundo informaron as urxencias sanitarias, non houbo ningunha persoa trasladada.