Unha explotación gandeira revitaliza a aldea modelo de Meixide
Unha explotación gandeira revitaliza a aldea modelo de Meixide
Situada no concello da Veiga, é a que conta cun maior número de hectáreas
Medio Rural destina 1,1 millóns de euros á recuperación dos núcleos urbanos
As vacas de Javier Cotado acoden rápidas á chamada do gandeiro.
"Na miña aldea xa non tiña onde crecer máis. Grazas a isto, dupliquei a cabana e seguirei, pouco a pouco, crecendo", comenta o gandeiro.
Xa están afeitas ao seu novo hábitat: unha extensión de 70 hectáreas no perímetro da aldea de Meixide, onde os veciños as recibiron cos brazos abertos.
"Levamos moitos anos que xa non había vacas aquí e o día que as vin foi alucinante, ata chorei porque estaban xusto no prado dos meus avós", asegura Beatriz, veciña do lugar.
Aldeas modelo
Das dezanove aldeas modelo que hai agora en Galicia, é nesta onde se recuperou unha maior superficie de perímetro. Son terreos cedidos pola veciñanza para poñelos en valor e para que lles sirvan de barreira contra os incendios forestais.
"Puxémonos de acordo todo o pobo para facer unha cesión de terreo para que metese o gando aquí, para que limpe e o monte estea máis bonito", explica Juan José Lorenzo Fernández, presidente da comunidade de montes de Meixide.
O proxecto vén acompañado dunha mellora integral da aldea, que foi quedando ruinosa co despoboamento.
"Non quedamos só no perímetro, imos recuperar toda a parte urbana das aldeas. Sacamos unha orde de axudas de 1,1 millóns de euros para que os concellos poidan ir facendo as obras", asegura José González, conselleiro do Medio Rural.
Os cartos destinaranse a 28 proxectos en 14 concellos con aldeas modelo.