Unha FP dual a distancia intenta promover o retorno dos descendentes de galegos no exterior
Unha FP dual a distancia intenta promover o retorno dos descendentes de galegos no exterior
Esta nova modalidade permitirá aos beneficiarios optar por facer unha parte dos seus estudos no país de orixe e outra nun centro galego
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este martes unha ampliación das bolsas que facilitan o retorno dos mozos galegos no exterior cun cento de prazas máis para a Formación Profesional, coa incorporación dunha nova modalidade de FP dual a distancia.
Esta nova modalidade permitirá aos beneficiarios optar por facer unha parte dos seus estudos no país de orixe e a outra nun centro galego ou empresa asociada.
Así o explicou o titular do Executivo autonómico no acto de entrega de diplomas aos beneficiarios das bolsas BEME e do programa Retorna Xuventude.
O presidente da Xunta destacou que se trata da primeira vez que se poñen en marcha ciclos duais a distancia e que servirán como experiencia piloto para ampliar a oferta no futuro.
O Goberno galego investirá máis de 3 millóns de euros nestas bolsas o próximo curso.
“Non é un gasto, é un investimento que ten un retorno enorme”, insistiu o presidente autonómico.
Neste sentido, o máximo representante da Xunta animou os mozos para “quedar na terra dos seus avós para formar parte do progreso do país e para ser protagonistas do seu futuro".
Segundo apuntou Rueda, grazas a estes programas 28.000 galegos retornaron a Galicia no últimos catro anos, e espérase que coa estratexia Galicia Retorna o fagan 30.000 máis ata o 2026.
Na sexta edición clausurada hoxe polo presidente da Xunta ofrecéronse máis de 300 prazas; 250 para másteres e 54 para FP.