Morren polo menos trece persoas por mor dunha fuga de gas no norte da India
Morren polo menos trece persoas por mor dunha fuga de gas no norte da India
Produciuse nunha fábrica de Giaspura, unha localidade da cidade de Ludhiana
Faleceron cinco mulleres, seis homes e dous menores de 10 e 13 anos
Polo menos trece persoas morreron por mor da fuga de gas dunha fábrica no norte da India, informaron este domingo as autoridades, que tentan conter os danos na área.
O accidente tivo lugar en Giaspura, unha zona densamente poboada da cidade de Ludhiana, no estado setentrional de Punxab, que aloxa varias fábricas e zonas residenciais. Faleceron cinco mulleres, seis homes e dous menores, de 10 e 13 anos.
"É moi probable que talvez algún químico reaccionase co metano nos sumidoiros", dixo nunha declaración á prensa a comisionada adxunta de Ludhiana, Surabhi Malik.
De acordo coa Forza Nacional de Resposta a Desastres (NDRF), a zona afectada foi acordoada e un equipo de rescate de 50 membros trasladouse ao lugar, ademais de médicos, unha ambulancia e un equipo de bombeiros.