Unha iniciativa lexislativa popular pide que se restaure o texto orixinal do himno galego escrito por Pondal
Unha iniciativa lexislativa popular pide que se restaure o texto orixinal do himno galego escrito por Pondal
Unha iniciativa lexislativa popular pide que se restaure o texto orixinal do himno galego escrito por Pondal
O himno oficial de Galicia, establecido na lei de símbolos de 1984, contén varias palabras que non estaban no poema orixinal de Os Pinos, publicado por Pondal en 1890.
A versión actual inclúe castelanismos e hiperenxebrismos , introducidos por erros de transcrición do texto orixinal.
O catedrático Manuel Ferreiro, especialista na obra de Pondal, acreditou eses erros nas súas investigacións.
A iniciativa lexislativa popular está promovida por unha trintena de persoas e polas entidades Vía Galega e Galiza Cultura
O himno galego oficial inclúe varios erros con respecto ao texto orixinal do poema Os Pinos, publicado por Eduardo Pondal en 1890.
"O noso himno, moi de acordo co carácter galego, comeza cunha pregunta e despois vén a resposta dos piñeiros, da natureza, dos "rumorosos", como se chaman no himno, e iso xa non aparece así. Non hai aspas nin ningún trazo de diálogo que o indique", explica o catedrático Manuel Ferreiro, especialista na obra de Pondal.
Ademais desa, hai outras alteracións importantes. Onde o himno oficial di "valeroso chan", Pondal escribiu "valeroso clan", unha palabra que reflicte a pegada do celtismo na súa obra.
"Pondal, adscrito á teoría celtista, tan importante no século XIX, inscribe palabras de orixe céltica, de orixe gaélica neste caso, como é "clan", que era unha palabra bastante descoñecida; e entón, por incomprensión do texto, o que copiou o texto en 1905 na revista Galicia na Habana copiouno mal e puxo "chan", explica Manuel Ferreiro.
O himno, que se interpretou por primeira vez na Habana en 1907, comezou a difundirse en Galicia anos despois con outros erros de transcrición, que se mantiveron ata hoxe.
Pondal utilizou “férridos”, “férridos e duros”. Férrido é un adxectivo derivado de ferro, o mesmo que férreo. Deberon esquecer un "r" e aparece un “féridos” que non existe nin é nada, nin aparece no dicionarios. Ou o correctísimo “ignorantes” foi cambiado polo hiperenxebre “iñorantes”, que nin é pondaliano nin é galego, filoloxicamente falando”, explica Manuel Ferreiro.
As investigacións do catedrático Manuel Ferreiro, especialista na obra de Pondal, son a base desta iniciativa lexislativa popular que pide que se restaure o texto orixinal e que o himno se divulgue na sociedade galega. A iniciativa rexistrouse a finais de novembro no Parlamento galego. A Mesa da cámara resolverá sobre a súa admisión no prazo dun mes.