Unha muller cae co coche por un desnivel de 3 metros na Ponte do Porco, en Miño
Unha muller cae co coche por un desnivel de 3 metros na Ponte do Porco, en Miño
A accidentada foi rescatada por uns peregrinos portugueses que resultaron ser policías
A muller foi trasladada ao CHUAC con feridas leves
A viaxe en coche de Maribel, unha muller de setenta anos, foi bastante curta. En apenas uns metros perdía o control do vehículo e caía na parcela dunha vivenda, despois de levar por diante un pivote de formigón e a varanda de protección. Isto ocorría onte na Ponte do Porco, e os veciños seguen sen saber que puido pasar.
O coche caeu dunha altura de 3 metros, levando por diante un alpendre e quedando completamente dado a volta. A axuda para Maribel non tardou en chegar, aínda que ela e o vehículo estaban nunha leira privada cos accesos pechados.
Foron dous peregrinos portugueses, que resultaron ser policías, os que descenderon polo desnivel de tres metros, sacaron a muller do vehículo e realizáronlle un primeiro recoñecemento ao que se uniu outra peregrina, que ademais era médica. A vítima non perdeu a consciencia en ningún momento.
Despois chegaría un equipo médico do centro de saúde de Miño, que trasladaba a Maribel ao hospital da Coruña, onde foi ingresada na UCI. Hoxe xa foi trasladada a planta e presentaba feridas leves. Peor sorte correu o coche que quedou sinistro total.
Por sorte, aínda que a pequena viaxe de Maribel acabou en accidente, pronto o susto quedará nun mal recordo.