Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha nova axenda económica para Europa, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Unha nova axenda económica para Europa, por Venancio Salcines

G24.gal 10/06/2024 07:58

Europa afronta un novo mapa político e tamén unha nova axenda económica estratéxica. Unha nova folla de ruta que ten, por lóxica, que percorrer dous camiños, o marco macroeconómico e a definición das súas vangardas industriais. No eido macroeconómico será fundamental conseguir un equilibrio entre a estabilidade financeira e a necesidade de acometer os investimentos que require a economía europea para afrontar o reto climático, a transformación tecnolóxica, reforzar a súa competitividade e a creación de emprego, así como aumentar os niveis de cohesión social e territorial.

Europa vai necesitar de ferramentas fiscais supranacionais permanentes para afrontar os grandes choques esóxenos, canalizar o ton fiscal do conxunto da Eurozona e apoiar a política monetaria que salvagarde a estabilidade da Unión. Será necesario formular regras fiscais máis sinxelas e realistas que favorezan a tendencia de redución da débeda, pero a un ritmo axeitado e que non ameace o crecemento das nacións. 

A industria, sen dubida, será un dos temas centrais das políticas europeas. Europa xa ten claras as súas debilidades e tamén sabe que é un luxo que non se pode permitir. A niveis absolutos, a innovación na UE e EUA mantense estable, pero estase a perder peso en comparación coa China. No eido das tecnoloxías verdes temos capacidade para liderar, pero fracasamos na nosa capacidade innovadora en tecnoloxías dixitais, especialmente en IA e big data. É certo que temos una posición forte en patentes, especialmente nas ramas aeroespacial e defensa, agroalimentaria, construción, enerxías renovables, mobilidade, transporte e téxtil, campos onde debemos ter posicións defensivas e consolidar a nosa posición de liderado. Por iso, veremos, con toda seguridade, como a nova industria da defensa de Europa beberá da innovación e da investigación.

É evidente que o mar de fondo da nova axenda é a loita contra o cambio climático, con todo o que implica de xeración de tecnoloxías verdes, a redefinición das cadeas de subministración e a independencia enerxética, tecnolóxica e armamentista.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade