Unha refuxiada ucraína dá a luz un neno no hospital de Ourense
Unha refuxiada ucraína dá a luz un neno no hospital de Ourense
Irina Hrihorouvska xa tiña un fillo e unha filla cos que fuxiu da guerra na Ucraína e veu coa súa familia a vivir a Ourense, onde leva pouco máis de dous meses
A muller, de 36 anos, chegou embarazada e esta fin de semana tivo o seu fillo Marko no complexo hospitalario de Ourense
Di que está moi agradecida polo trato recibido pero agarda que pronto poida volver ao seu país co seu marido e os seus tres fillos
Lonxe xa dos bombardeos Irina, unha muller ucraína que fuxiu cos seus dous fillos da guerra, deu a luz a un neno esta fin de semana no complexo hospitalario de Ourense. Hai pouco máis de dous meses chegou embarazada á cidade onde vivía a súa nai e o seu pai. Irina quixo compartir a súa historia coa Televisión de Galicia.
Irina, de 36 anos, sorrí co seu pequeno Marko, que naceu o venres en Ourense, e recibe no hospital a visita da súa familia. Os seus fillos Danilo, de 10 anos, e Eva, de 8, coñecen o seu irmán e todos están moi emocionados.
Di que está moi feliz e agradece o trato recibido polo persoal médico e de enfermería do complexo hospitalario de Ourense. Pero a súa viaxe non foi doada desde a cidade de Lustk no nordeste da Ucraína ata Ourense, onde xa vivía a súa familia.
"A miña filla chegou aquí porque xa na cidade en que vivía, en Lutsk, empezaron a bombardear o aeroporto e cando houbo as primeiras explosións decidiron escapar de alí. E que mellor que ir xunto aos seus pais. Entón ela colleu o coche, os dous nenos e foise soa porque ao marido non o deixan saír", explica a nai de Irina, Mariya Bahiryan.
Primeiro viaxou ata Polonia e alí colleu un avión que a trouxo ata o aeroporto da Coruña e de aí a Ourense.
"Séntense moi arroupados en Galicia e agradécenlle o apoio a moita xente que nos coñece", di a nai de Irina.
Os pequenos están xa escolarizados nun colexio na cidade e están ben, pero di que bota moito de menos o seu marido e a súa casa e o seu país.
Irina conta que está moi contenta e agradecida a todo o mundo, pero espera que todo no seu país volva á normalidade, porque lles gustaría volver ao seu país e queren ver o seu marido, o seu pai, queren estar xuntos e vivir coma antes, "se fose posible", di.