Unha serie de avarías na traída deixan sen auga varias parroquias de Viveiro
Unha serie de avarías na traída deixan sen auga varias parroquias de Viveiro
Landrove e Magazos quedaron sen servizo coincidindo coa ponte da Semana Santa
A traída de auga de Viveiro sufriu varias roturas durante a ponte. Entre o venres e o sábado, as avarías afectaron as parroquias de Landrove e de Magazos.
As tubaxes rebentaron en dous puntos en Landrove, a uns 60 metros un do outro. As avarías na subministración de auga coincidiron cunha maior demanda, ao aumentar a poboación nos días festivos.
Tamén se rexistraron dúas avarías na parroquia veciña de Magazos, onde permaneceron sen auga da traída durante unha mañá enteira.
Para lle dar unha solución definitiva a este problema, a veciñanza pide que se acometa unha renovación integral da rede nas parroquias afectadas.
Tras horas de traballo por parte dos empregados da concesionaria da traída, o servizo puido ser restablecido.