Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha taberna de Baralla vai camiño dos 300 anos en activo

Unha taberna de Baralla vai camiño dos 300 anos en activo

O negocio xa constaba en funcionamento no Catastro de Ensenada, de 1753

O seu estanco está considerado o segundo máis antigo en todo o Estado

Félix Aragunde 14/11/2022 13:46

Cando a Taberna do Val abriu as súas portas, Galicia aínda era un reino dividido en sete provincias. No catastro de Ensenada, datado en 1753, figura que este negocio de Baralla xa estaba en activo. Está considerado, de feito, o segundo estanco en funcionamento máis antigo en todo o ámbito estatal.

"Iso sabémolo por un veciño de aquí de Penarrubia, que encontrou unha documentación que di que é o segundo máis antigo de España. Esa é a información que temos, a falta de papeis de hai tantos anos", di Pepe Álvarez, actual propietario da taberna.

Inocencio Álvarez, de 90 anos e pai do actual dono, leva toda a vida á fronte do local, tamén coñecido como o Taberneiro. Lembra que antes había que percorrer 25 quilómetros a pé para aprovisionar o estanco.

 "Meu avó non sei de onde traía o tabaco, e meu pai ía por el andando cando ía buscalo a Becerreá", explica Inocencio.

Inocencio Álvarez, de 90 anos, herdou o negocio, que xa era do seu avó Inocencio Álvarez, de 90 anos, herdou o negocio, que xa era do seu avó

Ademais de estanco e de ultramarinos, a Taberna do Val foi casa de comidas nos seus anos dourados. Agora que vai camiño dos tres séculos de existencia, os actuais propietarios non teñen claro que se chegue a dar un relevo xeracional que garanta a continuidade do negocio.

"E máis pola xente, que non queda xente nas aldeas. Os impostos e iso seguen igual, pero se non hai xente non se pode soster", lamenta Pepe.

"Antes viña moita xente, pero agora moi pouca, porque non hai. Máis da metade das casas están cerradas", di Inocencio.

Mentres a Taberna do Val continúe aberta, seguirá sendo historia viva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade