Unha traballadora dunha conserveira de Carnota sofre lesións graves nun brazo nun accidente laboral
Unha traballadora dunha conserveira de Carnota sofre lesións graves nun brazo nun accidente laboral
Unha máquina atrapoulle a extremidade pero malia que os compañeiros lograron liberala non puideron evitar a gravidade das feridas que fan temer que poida perder unha man
O helicóptero medicalizado do Sergas trasladouna ata o Complexo Universitario de Santiago
Unha traballadora dunha empresa de conservas de Carnota, na comarca de Muros, sufriu lesións graves nun brazo nun accidente laboral, segundo informou este sábado o 112 Galicia.
A operaria, que foi trasladada en helicóptero medicalizado ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago despois de recibir os primeiros coidados no lugar do accidente, presenta danos importantes na extremidade, con posible amputación da man.
O accidente produciuse cara ás 20 horas deste venres nunha conserveira do lugar de Freán, en Carnota. Unha máquina atrapoulle o brazo e, a pesar de que foi liberada rapidamente coa axuda dos compañeiros, as lesións que sufriu foron graves.
Ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia, foron avisados polo 112 os membros do GES de Muros e os axentes da Garda Civil.