Unha veciña de Soutomaior denuncia os perigos dunha leira abandonada
Unha veciña de Soutomaior denuncia os perigos dunha leira abandonada
As árbores caen nas leiras dos veciños e hai perigo de que un incendio afecte as vivendas da aldea
A loita comezou en 2015. Unha veciña de Soutomaior denunciou un veciño que ten unha leira a monte. As árbores que forman o valado son piñeiros e tuias de grande altura que a miúdo caen nos terreos dos veciños. Malia o ditame do xulgado e as numerosas peticións ao Concello, ninguén se fai cargo de cortalas.
Ana ensina unha das árbores que pasa unha ducia de metros por riba dos tellados da súa aldea en Soutomaior. A leira é grande e todo o valado está cheo de tuias e piñeiros na súa maioría. Hai varias casas afectadas non só as súas leiras. Asegura que é un perigo para os veciños tanto polas caídas que se poidan producir, como polo risco de que arda todo.
Ten fotos e unha sentenza de febreiro deste ano, despois de poñer varias denuncias. Non entende como no resto da veciñanza todos tiveron que cortar árbores preto de camiños ou casas e esta leira segue a monte.
"Eu denuncio todo o que sae da propiedade e cae na miña leira, falei con eles e non deron unha solución; vai ao xulgado, ao Concello e non se ve unha solución. Puxen unhas oito ou nove denuncias, de aquí foi ao xulgado número dous de Vigo, a sentenza di que ten que limpar a leira, saíu a sentencia e non se cumpriu e vou seguir loitando. Creo que unha solución e que o concello fixera algo de forza que non fixo nada ata agora. É inxusto que a outros veciños lles ordenes limpar e cortar árbores e a este señor pois non", asegura a afectada.
Hai palmeiras que caeron, unha no camiño, que tivo que retirar ela mesma, e outra que aínda está na leira doutro veciño.